Sección de
Bioloxía molecular
A
detección e identificación de fungos, nematodos, bacterias e
virus lévase a cabo a partir de estruturas do patóxeno ou de
material vexetal sintomático ou asintomático de especies
agrícolas, ornamentais e forestais. Serve de complemento á
identificación levada a cabo por outras técnicas no resto dos
laboratorios.
Doutra banda, púxose en marcha o servizo de
secuenciación automática de ácidos nucleicos, que permite
secuenciar directamente fragmentos de PCR, que facilita a identificación
de moitos microorganismos cuxos diagnósticos resultaban complicados ou
dubidosos por outras técnicas.
Paralelamente ó traballo de
diagnóstico, lévanse a cabo proxectos de investigación
aplicada que pretenden coñecer a incidencia, distribución e
bioloxía de diversos patóxenos, as características das
enfermidades que causan, e os métodos máis adecuados para
minimizar ou reducir de forma efectiva os danos que ocasionan.
Estúdanse sobre todo os fungos do xénero
Armillaria, xa que causan podremia branca radicular en especies
agrícolas e forestais de grande importancia económica en Galicia.
Outra liña de investigación céntrase na detección e
identificación do xénero Mycosphaerella, causante dunha
enfermidade foliar moi estendida nas plantacións galegas de eucalipto.
Esta unidade realiza tamén proxectos de investigación para
desenvolver métodos de control de Cryphonectria parasitica, fungo
responsable do cancro do castiñeiro que ocasiona enormes perdas nos
soutos do noroeste de España.
|