|
Froiteiras de folla caduca, Viña, Cítricos, Buxo e Insecto en edificacións |
|
|
|
Viña |
|
|
|
Viña, Maceira, Tomate, Pataca, Piñeiro, Plátano de sombra |
|
|
|
Viña, Maceira, Figueira, Cítricos, Pataca |
|
|
|
Viña, Maceira, Figueira, Pataca, Castiñeiro, Piñeiro |
|
|
|
Viña, Maceira, Castiñeiro, Piñeiro |
|
|
|
Viña, Maceira |
|
|
|
Viña |
|
|
|
Viña, Maceira, Pataca |
|
|
|
Viña, Maceira, Cerdeira |
|
|
|
Viña, Maceira, Cerdeira, Cítricos e
Kiwi |
|
|
|
|
RESUMO FITOSANITARIO DA
CAMPAÑA 2013. VIÑEDO
Como todos sabemos, en xeral a campaña 2013 foi bastante benigna no que
a presenza de enfermidades e pragas no viñedo se refire, a pesar de que
no seu inicio houbo unhas condicións meteorolóxicas con moita choiva que
facían pensar no contrario. Desta forma a colleita foi boa
(cun rendemento medio de entre 8.000 e 9.000 Kg/ha) e só as choivas de
setembro, que fixeron atrasar a vendima, impediron que fose mellor
debido ós raxados de uva que se produciron e ás perdas debidas á
botrite e ás podremias acedas.
|
MILDEU |
Tras un inverno suave e moi chuvioso (con precipitacións entre outubro de
2012 e febreiro de 2013 de entre 900 e 1.200 mm segundo a comarca),
a maduración da oospora produciuse o día 2 de abril (estado
fenolóxico D -follas incipientes-), dez días despois que na campaña
anterior. Desde esa data houbo precipitacións en todas as xornadas
ata o día 15 (entre 100 e 150 mm segundo a estación), momento no que
ademais empezaron a cumprirse nas primeiras leiras as condicións
necesarias para a contaminación primaria (10 °C de temperatura,
10 mm de choiva, 10 cm de desenvolvemento do brote).
As primeiras manchas de aceite apareceron o día 25 de abril
(estados fenolóxicos: F -acios visibles-, G -acios separados-) en
dúas parcelas do Salnés e en dúas do Condado aínda que, delas,
aparentemente só unha empezaba a esporular. Estas manchas xurdiron
en leiras con especial desenvolvemento do brote, que non era o máis
habitual neses momentos. De feito, baseándonos en datos das estacións
meteorolóxicas de Meteogalicia, nese momento o período de incubación
teórico do fungo segundo Goidanich aínda se atopaba entre o 60 e o 76%.
Con posterioridade foron aparecendo síntomas iniciais noutros viñedos,
sempre sen importancia, ata que entre o 6 e o 9 de maio (estado H -botóns
florais separados-) se produciron condicións moi favorables á enfermidade
que levaron á aparición xeneralizada de manchas esporuladas en todas as
comarcas da provincia. Estas manchas tiñan a característica común de que
se centraban na base dos pampos, situación que se mantivo durante certo
tempo.
Na terceira semana de maio volveu rexistrarse unha elevada precipitación,
aínda que con temperaturas relativamente baixas, e o día 29, coa viña
iniciando a floración, atopáronse zonas de avance en manchas de aceite
antigas de todas as comarcas, mesmo nalgunhas leiras onde se aplicaban
tratamentos por calendario. Con todo, esta manifestación da enfermidade
tampouco foi xeneralizada e controlouse cos tratamentos realizados.
Desde o mes de xuño xa non houbo infeccións destacables, e por momentos non
había nin sequera síntomas en plantas testemuña sen tratamentos. De feito,
como é sabido, practicamente non se rexistraron precipitacións ata a última
semana de setembro. A seca rexistrada provocou que xa o 16 de agosto se
alcanzase a cor de maduración (pintado ou envero) en todas as comarcas e
que polo tanto xa non aparecesen desde entón síntomas sobre os acios.
Desta forma, nesta campaña non se produciron perdas debidas a esta
enfermidade (só se rexistraron algunhas moi puntuais entre finais do mes de
maio e inicios de xuño nalgunhas leiras). Tampouco o número de aplicacións
foi elevado debido ó tempo seco que se rexistrou: os viticultores
consultados aplicaron entre 11 e 14 tratamentos; coa técnica aplicada
por nós (Loita Oportuna Adaptada) foron entre 4 e 7 segundo a parcela.
|
OÍDIO |
En ningún momento da campaña se produciron danos debidos a esta enfermidade,
cuxa incidencia foi baixa este ano. O 3 de maio ("acios separados")
detectáronse os primeiros síntomas nunha planta dunha variedade
tinta moi sensible ó patóxeno, o que supuxo un adianto de case un mes en
relación á campaña anterior. Nese momento iniciáronse os tratamentos,
se non comezaran xa, nas leiras con plantas de variedades sensibles.
Os primeiros signos do patóxeno nas folla de albariño non apareceron
ata máis dun mes despois, coa viña iniciando a floración ou xa empezando o
callado nas zonas máis adiantadas, e nese momento recomendouse un tratamento
xeneralizado. Posteriormente, a finais de xuño apareceron novos síntomas na
folla e nos pampos de variedades tintas e tamén de plantas testemuña de
albariño, neste caso en todas as comarcas, aínda que a súa intensidade
non foi elevada.
A súa presenza incrementouse considerablemente en variedades sensibles a
mediados de xullo debido a unhas condicións ambientais moi favorables,
recomendándose renovar as intervencións. Tamén neste momento se detectaron
os primeiros síntomas en acios de albariño, que se incrementaron novamente
a semana seguinte e, posteriormente, a principios de agosto.
Desde ese momento, xa coa uva en "pintado (envero)-maduración", o patóxeno
só se instalou sobre os acios que xorden nos brotes coñecidos como netos e
nalgunhas follas. Na fin da campaña, xa sen tratamentos, si se rexistrou un
aumento importante na sintomatoloxía.
|
BOTRITE |
Na segunda semana de maio (coa viña no estado de "botóns florais separados")
e debido a que se rexistraron precipitacións e ventos fortes que provocaron
roturas na viña, detectáronse os primeiros síntomas nas follas,
aínda que só puntualmente e nalgunhas zonas.
Xa despois da floración, a mediados de xuño e debido á elevada humidade
relativa que se rexistraba, recomendouse unha aplicación unicamente sobre
variedades sensibles co obxectivo de prever posibles danos á uva debidos
á permanencia dos capuchóns florais adheridos ós grans.
No resto do mes e durante boa parte de xullo as condicións ambientais non
favoreceron o patóxeno, pero ó redor da terceira semana si que houbo
humidade foliar, aínda que en xeral non se estimou necesaria a realización
dun tratamento debido a que a uva se atopaba nun estado sanitario excelente
e, polo tanto, sen feridas que favorecesen a instalación do fungo.
Xa a finais de xullo e a principios de agosto (peche do acio), debido a unha
humidade elevada unida a altas temperaturas nocturnas, a un incremento nas
penetracións de couza e á presenza de raxados fisiolóxicos nos grans,
recomendouse unha intervención preventiva porque se observaron as primeiras
uvas afectadas.
Desde entón xa non houbo condicións favorables ata as choivas da última
semana de setembro, que provocaron roturas na pel dos grans debido ó inchado
da uva tras unha prolongada seca. Esta situación, unida ó incremento das
penetracións de couza e á ausencia de tratamentos, provocou a aparición
de perdas debidas ó fungo que, nalgunhas leiras e segundo nos informaron,
chegaron a alcanzar o 25% da colleita potencial.
|
BLACK-ROT |
Nesta campaña a incidencia da enfermidade foi
reducida, a pesar de que nos primeiros meses houbo condicións favorables en
varios períodos. Os primeiros síntomas apareceron ó redor da segunda
semana de maio, na comarca do Condado, e desde entón só se observaron
pequenas variacións a nivel das follas, pois nos acios non houbo presenza,
nin sequera nos de plantas testemuña sen tratamentos.
|
COUZAS DO ACIO |
Na campaña 2013, as capturas de Lobesia botrana nas trampas de
feromonas non foron de todo regulares no conxunto das nosas parcelas de
seguimento, aínda que si podemos situar os picos de voo das tres xeracións
do insecto ó redor da metade de maio para a primeira xeración, a mediados de
xullo para a segunda e a finais de agosto para a terceira. A detección dos
primeiros glomérulos tivo lugar nos primeiros días de xuño; desde
entón, apenas houbo indicios de actividade larval ata a última semana de
xullo, na que se incrementou o número de penetracións nos grans, e xa
posteriormente no mes de setembro. Segundo nos informaron técnicos e
viticultores precisamente foron as penetracións tardías deste momento
as máis abundantes da campaña e contribuíron á instalación de botrite
nos grans tras as choivas.
Canto á Eupoecilia ambigüella, unicamente tivemos capturas
en tres parcelas da comarca do Salnés; en dúas delas recolléronse adultos
unha única vez (3 e 14 individuos respectivamente), mentres na outra
(Tremoedo), tras capturar en maio 6 adultos, o resto de capturas repartiuse
ó longo de xullo, cando ademais houbo un lixeiro pico a metade do mes.
Nas parcelas da nosa rede realizamos unha soa aplicación coincidindo co pico
de capturas de Lobesia botrana da segunda xeración, e non en
todas as leiras.
|
CICADÉLIDOS |
As poboacións das diferentes especies de cicadélidos poden variar
significativamente entre parcelas, pero nas da nosa rede de seguimento
non tivemos, en xeral, capturas importantes de Empoasca vitis,
rexistrándose máis de Zygina rhamni, especie que non ten
incidencia sobre o viñedo. Tampouco este ano recollemos ningún adulto de
Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada da vide
que todos os anos recolliamos no Condado. A ausencia de capturas tamén tivo
lugar nalgunhas zonas do norte de Portugal.
|
ÁCAROS |
Do mesmo xeito que ocorreu na campaña anterior apenas houbo incidencia de
ácaros nocivos neste ano. Os primeiros síntomas confirmados de acariose
(Calepitrimerus vitis) víronse a finais do mes de xuño;
desde entón houbo pequenos focos pero en xeral sen importancia. Pola súa
banda, de Panonychus ulmi só se atoparon poboacións puntuais
no mes de agosto na comarca do Salnés.
|
OTROS |
Enfermidades da madeira.- Do mesmo xeito que o ano anterior,
volveuse notar un incremento na presenza destas enfermidades, sen ningunha
dúbida debido á súa transmisión entre plantas coas prácticas de poda.
Os primeiros síntomas empezaron a ser visibles no mes de xuño debido ás
temperaturas elevadas que se estaban rexistrando e, desde entón, estivemos
recomendando que fosen marcadas para seren podadas illadamente,
xa que de momento continúa sen haber outro medio de limitación.
Altica.- Novamente volveu a haber indicios da presenza desta praga
na nosa parcela de seguimento do Condado, pero non tivo maior transcendencia.
|
|